miércoles, 3 de junio de 2020

3ºA NATURAIS, UNHA RECETA SAUDABLE

Bo día!

Hoxe vos traemos unha receta saudable para seguir repasando o tema da alimentación.
A moitos de nós seguro que nos gustan os xeados, de chocolate, vainilla, nata, caramelo... ummm que ganas dun! Pero sabedes que tamén os podemos facer nós na casa e aínda por riba saudable? 

O outro día navegando pola rede atopei esta receta que me animei a facer e probar na casa, e a verdade é que me gustou moito. Vouvos explicar paso a paso como temos que facer este xeado, comentádello aos vosos pais e animádevos a facela!

INGREDIENTES:

- 2 plátanos.
- Framboesas ou amorodos.
- Noces, abelás, anacardos ou outro froito seco.

PASOS A SEGUIR: 

1- Cortar os plátanos en pequenos anacos e botar nun recipiente. Tamén lavamos as framboesas ou os amorodos e os botamos xunto aos plátanos.


2- Conxelamos os plátanos e as framboesas durante unhas 6-8 horas. Ao sacar do conxelador  estarán duros como pedras.


3- Agora necesitades a axuda dos vosos pais. Cunha batidora (a poder ser bastante potente) ou se tedes a Termomix ou algo similar, imos botar a froita xeada noutro recipiente e empezar a batela ata que esté espesiña. 



4- Cunha culler collemos o xeado e o botamos nun vaso ou taza. Un consello, aproveitade o xeado que vos queda na batidora. 


5- Xa case rematamos, agora só nos queda decorar un pouco o xeado, eu boteille noces pero podedes elixir calquera froito seco (abelás, anacardos, pistachos...) ou outra froita que vos guste.

6-  O último paso sabedes cal é? Coller un culler e comelo todiño! Espero que vos guste.




Como vedes é unha receta sinxela de facer e unha boa maneira de refrescarse de forma saudable. 
Se vos animades a probala, mandade probas das vosas destrezas de chef ao seguinte correo: andres.pazos@edu.xunta.es

Saúdos!







No hay comentarios:

Publicar un comentario